986 86 59 90

Non me gusta nada de ir á cadea. Vou cando non me queda máis remedio; cando o meu cliente está ingresado nun centro penitenciario e teño que falar con el para preparar un xuízo. Pero aínda que se podería dicir que estou acostumada, non podo evitar un certo estremecemento cada vez que me achego á porta… Ás veces, fóra están os familiares dos presos, e non podo deixar de pensar o duro que é pasar por todo iso. Normalmente, visito ós meus clientes no Centro Penitenciario de A Lama. A dinámica é sempre a mesma. Na entrada, un funcionario revisa o documento que acredita a pertenza ó Colexio de Avogados, onde aparecen os datos do interno e o procedemento de que se trata, e o D.N.I., loxicamente; e anota a hora, o nome do letrado, do interno, e o número de pase que entrega. Non se pode pasar á zona de comunicación con teléfonos móbiles, nin con ningún outro obxecto agás as cousas de traballo, (papeis, bolígrafo, etc.). Unhas pequenas caixas embutidas serven para deixar todo o demais. Pasado o arco de detección de metais, un corredor acristalado leva á primeira porta, que non se abre ata que a seguinte esta pechada. Alí, outro funcionario comproba de novo a identificación, e abre a porta do patio. Estar entre dúas portas sen poder ir para adiante nin para atrás, xunto coa sensación de saberse vixiado en todo momento é algo difícil de explicar. A segunda porta leva a un patio. Dende alí, vense os diferentes módulos, e non podes deixar de pensar como será a vida vista dende aí. Novo estremecemento por todo o corpo. A zona de comunicacións non é máis agradábel. A parte reservada ós familiares está separada da dos profesionais, así que nunca tiven a oportunidade de ver como se desenrolan as visitas ós presos. Na parte dos xulgados e avogados, hai oito locutorios. Separados entre si por paredes de cemento, o espazo para o avogado consiste nun pequeno cubículo duns dous metros cadrados, coas paredes pintadas en gotelé amarelo, un pequeno mostrador de obra para apoiar os papeis, e unha cadeira verde de plástico. E, por último, a pequena luz verde do interfono e o cristal que separan do cliente. Dicir que é deprimente é pouco. Resúltame moi difícil falar cunha persoa que está na cadea. Nunca pregunto porqué está alí (moitas veces, non ten nada que ver co que me levou a min). Limítome a falar do tema que temos en común, e intento non pensar en que faría para ter que estar no centro. Creo profundamente no dereito de defensa, así que intento facer ben o meu traballo, sen prexuízos. O demais, non é asunto meu. Pero cada vez que escoito a alguén dicir cousas coma “pois vou á cadea, e listo, que che dan de comer e durmir gratis…” non podo deixar de pensar a pouca importancia que lle damos a algo tan fundamental como a liberdade.