Dende o pasado sábado 14 de marzo estamos en estado de alarma, e si, a palabra asusta moito. Así que imos tratar de explicar brevemente que é o estado de alarma e como nos afecta como cidadáns. Tamén, como imos seguir axudando aos nosos clientes mentres esta situación continúe.
Que é o estado de alarma?
Aínda que a nosa lexislación non da unha definición como tal, poderiamos definir o estado de alarma como unha grave alteración da normalidade que afecte a catástrofes, calamidades ou desgrazas públicas (terremotos, inundacións, incendios urbanos e forestais ou accidentes de gran magnitude), crises sanitarias (epidemias e casos de contaminación graves), paralización dos servizos públicos esenciais e situacións de escaseza de produtos de primeira necesidade.
O artigo 116.2 da Constitución española establece como debe procederse á declaración de estado de alarma: polo Goberno, mediante Decreto do Consello de Ministros que fixará o prazo (máximo 15 días) e o ámbito territorial ao que se estenden os efectos da declaración; Decreto do que deberá darse conta de xeito inmediato ao Congreso dos Deputados, quen será o competente para a súa prórroga, en caso necesario. Remitindo, para a súa regulación, á lei orgánica correspondente.
A Lei Orgánica 4/1981 de 1 de xuño dos estados de alarma, excepción e sitio, que regula os estados de alarma, excepción e sitio establece no seu artigo 4 que se poderá declarar cando se produza unha alteración grave da normalidade en determinados supostos pechados, entre os que se atopan as crises sanitarias tales como epidemias.
É esta a primeira vez que se decreta o estado de alarma en España dende a aprobación da Constitución?
Non, xa se fixo outra vez; concretamente, o ano 2010, con motivo da crise dos controladores aéreos. Naquela ocasión, o estado de alarma foi declarado o 4 de decembro, prorrogándose polo Congreso dos Deputados ata o 15 de xaneiro de 2011.
En que situación nos atopamos agora?
Dende o pasado 14 de marzo, estamos en estado de alarma; decretado por Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, co fin de afrontar a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19, efectos en todo o territorio nacional e por un prazo de 15 días naturais. Isto é, que (polo de agora) estamos en estado de alerta ata o vindeiro 29 de marzo.
Polo que á vida diaria como cidadáns se refire, o artigo 7 limita a nosa liberdade de circulación, de xeito que só se poderá circular polas vías de uso público (nin andando nin en vehículos) para a realización de determinadas actividades taxadas:
- adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade.
- asistencia a centro, servizos e establecementos sanitarios.
- desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a prestación laboral, profesional ou empresarial.
- asistencia e coidado de maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade, ou persoas especialmente vulnerábeis.
- desprazamento a entidades financeiras e de seguros.
- por causa de forza maior ou situación de necesidade.
- calquera outra actividade de análoga natureza, que haberá de facerse individualmente salvo que se acompañe a persoas con discapacidade ou por outra causa xustificada.
É dicir, para todo o que non sexa o recollido nesta listaxe, non podemos saír da casa, nin sequera para airearnos ou dar un pequeno paseo! Para aclarar dúbidas, o Anexo do Real Decreto detalla os establecementos cuxa apertura ao público queda suspendida durante o estado de alarma.
Que ocorre se incumprimos a limitación de movementos?
Simple: imos ser castigados.
Con penas que poden ser de multa de 100 a 600.000 € (segundo a infracción administrativa cometida) a pena de prisión por desobediencia do artigo 556 do Código Penal.
Así que a nosa recomendación é non tomarse á lixeira as limitacións de movemento acordadas polo Goberno. E non só para evitar problemas legais (que tamén); senón, e sobre todo, por responsabilidade persoal e social. O que está en xogo e a nosa saúde e a dos demais.
E que pasa cos meus asuntos legais estes días?
Non debemos preocuparnos por nada. O Real Decreto 463/2020 prevé a suspensión de todas as actuacións xudiciais e a interrupción dos prazos procesais mentres dure o estado de alarma. A única excepción son aqueles procedementos cuxa suspensión sexa imposible, por tratarse de temas de urxente necesidade, os cales aparecen detallados, tamén, no citado Real Decreto.
O mesmo ocorre cos prazos administrativos (suspéndense durante o estado de alarma), os prazos de prescrición e caducidade.
Estado de alarma non é sinónimo de vacacións
Pola responsabilidade social á que antes faciamos referencia, mentres dure o estado de alarma suspendemos a atención presencial aos nosos clientes, pero seguimos traballando!
Todos aqueles que o precisen, poderán seguir en contacto con nós:
- chamando por teléfono ao +34 986 865990 e deixando unha mensaxe no contestador para que nós poidamos devolver a chamada á maior brevidade posible.
- enviando mensaxes aos nosos correos electrónicos habituais.
- para comunicarse con Salomé Cancela, tamén por Skype ou Hangouts
Unha vez contactedes con nós, e sempre que sexa posible, realizaremos as consultas e xuntanzas por videoconferencia, a través da aplicación que acordemos. Para pagamentos (que si, que temos que seguir pagando as nosas facturas) pendentes ou futuros, tedes a posibilidade de realizalas coma sempre por transferencia ou dende agora tamén por bizum.
Estamos en estado de alarma, pero seguimos traballando!