986 86 59 90

Case dous meses despois, seguimos en estado de alarma. Dende aquel xa lonxano 14 de marzo, moitas foron as normas aprobadas para regular a situación que fomos vivindo en cada momento. O pasado sábado 9 de maio, publicáronse no BOE dúas normas relativas á volta á vida normal unha vez a pandemia por covid-19 se pode considerar controlada (que non superada), e que afectan directamente ao noso traballo:

Poden abrir os despachos de avogacía?

O artigo 10 da Orde SND/399/2020 establece o seu punto 1 que poderán abrir de novo ao público as actividades de servizos profesionais; se ben o artigo 3 desta mesma norma di que se fomentará a continuidade do traballo a distancia para aqueles que poidan realizar a súa actividade laboral a distancia.

Hai que cumprir algún requisito para proceder a reapertura?

Evidentemente, si.

Estes requisitos (que son os mesmos que para todos os demais establecementos e locais comerciais) veñen recollidos nos distintos artigos da devandita Orde Ministerial, e pódense resumir nos seguintes puntos:

  • Redución de aforo ao 30%, garantindo unha distancia de 2 metros entre clientes.

  • Mantemento dunha distancia mínima de un metro entre o provedor dos servizos e o cliente se se dispoñen de elementos de protección ou barreira, e de dos metros sen estes elementos.

  • Realización de mínimo dúas limpezas e desinfeccións do local ao día, unha as coles deberá ser sempre ao final da xornada.

  • Poñer especial atención na limpeza das superficies de contacto máis frecuente (chans, portas, mesas, cadeiras, etc.).

  • Dispoñer de papeleiras, preferiblemente de metal e con pedal, para depositar todo aquel material dun só uso.

  • Fomentar o pagamento por tarxeta ou outros medios que non supoñan contacto físico entre dispositivos.

E os xulgados, cando volven a normalidade?

Iso mesmo nos preguntamos nós!

O Real Decreto nº463/2020 de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma aínda vixente, procedeu á suspensión de actuacións e prazos xudiciais; aínda non reiniciados ao non ser modificado ese acordo en ningunha outra resolución.

As primeiras novas concretas que temos en canto a volta á actividade xudicial veñen da man da Orde 394/2020 de 8 de maio do Ministerio de Xustiza que aproba o esquema de seguridade laboral e plan de desescalada para a Administración de Xustiza e aproba un plan de catro fases para a reinicio da actividade normal; as dúas primeiras das cales (a primeira empeza hoxe 12 de maio) están dirixidas á reincorporación escalada dos efectivos da administración de xustiza aos seus postos de traballo. Non será ata a fase 3 (sen data precisa de inicio, pero non antes do 2 de xuño) cando empecen de novo a correr os prazos procesuais. Para a fase 4, chamada de “actividade normalizada conforme a situación anterior ao estado de alarma” e na que presumimos que empezarán a celebrarse de novo as vistas de procedementos non esenciais, non hai polo de agora data prevista.

E mentres tano, que pasa en SC Avogados?

Como moitos dos nosos clientes xa saben, nós non deixamos de traballar en todo este tempo, dado que non se suspendeu en ningún momento a prestación de servicios xurídicos. Porén, vista a case total paralización no ámbito xudicial, e tamén por responsabilidade social e persoal, optamos polo teletraballo.

Asi que continuamos atendendo aos nosos clientes por correo electrónico, chamadas telefónicas ou videochamadas.

En calquera caso, estamos preparándonos para poder recibir de novo aos nosos clientes no despacho. Aínda que nun primeiro momento será só naqueles casos nos que a comunicación persoal sexa imprescindíbel, con cita previa (coma sempre) e cumprindo estritamente coas medidas de protección persoal establecidas para esta situación.

Mentres tanto, a coidarse moito!