986 86 59 90

Uns dos nosos mellores amigos, parella que leva varios anos convivindo, contáronnos a finais do pasado ano que, agora en febreiro, marchaban vivir ao continente africano por cuestións laborais. A miña primeira reacción, foi preguntar… pero casaredes antes, non? Poucos días despois, chegoume unha misteriosa mensaxe: 10 de febrero. E si, casaban e fomos invitados a compartir con eles ese día. Nun momento dado da celebración, outro dos invitados achegouse á súa moza cun improvisado anel de compromiso para pedirlle matrimonio, ao que ela contestou cun pode ser!, que a outro lle partiría o corazón pero que para o solicitante en cuestión foi un sopro de esperanza, pois ata entón, sempre que el falara de casar, a resposta dela fora un non rotundo.

Horas despois, no medio da festa, este rapaz achegouse a min para pedirme un pequeno resumo das razóns que el podería darlle a ela para que ese pode ser mude cara o si. Así o pronto, estas son algunhas das razóns que se me ocorren:

1.Permisos retribuídos.

Todos os traballadores por conta allea teñen dereito a 15 días de permiso retribuído en caso de matrimonio (artigo 37 Estatuto Traballadores). Ben! E tamén teñen dereito a permisos por falecemento, accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica de cónxuxe e parentes ata o segundo grao de afinidade. Que si, que non nos gusta pensar nestas cousas, pero non estamos libres de que nos pasen, e poder vivilos adicándolles un pouco de tempo sempre axuda, ou non?

2. Toma de decisións en materia de saúde.

Pode darse o caso de que haxa que tomarse decisións acerca dun integrante da parella que puntualmente se atope incapacitado por si mesmo (a todos se nos ocorren exemplos), e ser cónxuxe evita, neses duros momentos, discusións sobre quen é a persoa a quen corresponde, en caso de discrepancias, adoptar esa decisión. Quen mellor que a persoa que se escolleu para compartir a vida, non vos parece?

3. Dereitos de estranxeiría.

Ao igual que ocorre na lexislación española, a maior parte dos países facilitan a residencia a cidadáns estranxeiros que ostentan a condición de cónxuxe do cidadán español con permiso de residencia e traballo nese país. Que nunca se sabe as voltas que da a vida!

4. Fiscalidade.

Ser matrimonio permite realizar xuntos a declaración da renda cando se considere máis beneficioso, algo que sendo parella sen máis (ou incluso de feito), non é posible. Porque a todos nos gusta pagar a Hacienda o que nos corresponde, e non de mais, verdade?

5. Eliminación de burocracia.

En caso de falecemento dun dos cónxuxes, cuestións como o acceso a unha pensión de viuvez, ou aos dereitos hereditarios son moito máis sinxelos en caso de matrimonio. E o mesmo ocorre en caso de divorcio, onde nun só procedemento xudicial de mutuo acordo se pode poñer fin non só ao matrimonio e todo o relativo aos fillos se os houbera, senón tamén proceder á disolución e liquidación do réxime económico matrimonial. Que en caso de crise, poder solucionala dun xeito rápido e sinxelo tamén vale moito.

E, por último, é importante que cada un casa como quere e con quen quere! Un sinxelo expediente administrativo para demostrar a capacidade para contraer matrimonio, e un par de testemuñas, é todo o que se precisa.