986 86 59 90

Hoxe empecei o día saíndo en coche a presentar uns escritos fora de Pontevedra. Coma sempre, levaba a radio posta, co que deseguida tiven coñecemento da que sería, de seguro, a nova do día: deteñen a Maite Zaldívar nunha nova fase da operación Malaya. Descoñezo se hai ou non motivos para proceder a esa detención; pero, en calquera caso, non é ese o tema deste artigo, senón a referencia que se fai en todos os medios de cominación a esta señora como a ex-muller de outro dos detidos na mesma operación. Tratándose como se trata de xente que está a miúdo na prensa rosa, todos estamos máis ou menos informados da vida destas persoas; e quizais por “deformación profesional”, eu presto moita atención cando no medio de cuestións totalmente banais se fala de cuestións xurídicas, pois me resulta moi curiosa a “seriedade” coa que periodistas (ou nin iso, depende do día e do medio de comunicación en cuestión) falan destes temas intentando dar sensación de seguridade no que din, e de ter uns coñecementos dos que carecen (como é lóxico, por outra banda) en moitas ocasións. Por iso sei que os personaxes en cuestión están separados, e non divorciados. E, como profesional do dereito, sei que o vínculo matrimonial non se disolve coa separación, senón co divorcio (entre outras causas). É o artigo 85 do Código Civil o que regula a disolución do vínculo matrimonial, e sinala como causas da mesma a morte ou declaración de falecemento dun dos cónxuxes, ou por divorcio. Penso que os medios de comunicación non deberían descoidar ningunha faceta da mesma; e se ben é certo que unha cuestión coma esta é totalmente secundaria, non está de máis a corrección se se fai referencia a ela. I é que, quéirao ou non, Maite Zaldívar segue a ser a muller de Julián Muñoz.