986 86 59 90

Supoño que moitos se sorprenderían ó ver este titular na prensa: Absolto o condutor que ía a 260 por hora porque non provocou perigo. O artigo 381 do Código penal establece no seu primeiro parágrafo que:

O que conducise un vehículo a motor ou un ciclomotor con temeridade manifesta e puxera en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas, será castigado coas penas de prisión de seis meses a dous anos e privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata seis anos.

Tendo en conta o texto do artigo son precisos dous elementos para que nos atopemos ante este delito: por unha parte, conducir con temeridade manifesta; e por outra, poñer en concreto perigo a vida ou integridade das persoas”. Esa conxunción “e” implica que sexan necesarias as dúas condicións. Isto é: que é requisito indispensábel que ademais dunha conduta en aparencia temeraria, se poña en concreto perigo a vida ou integridade das persoas. Polo que se deduce da nova do xornal, no caso en cuestión non houbo ese concreto perigo, pois o vehículo foi captado por un radar por exceso de velocidade (non por ter participación nun accidente, por exemplo), e sen que os axentes que procederon á súa interceptación posterior manifestaran cal foi o perigo concreto causado a terceiros. Dende este punto de vista, semella que a resolución en cuestión é axustada a dereito, aínda que o sentido común nos leve a pensar o contrario.