Segundo o artigo 76 do Estatuto Xeral da Avogacía, o Congreso Nacional da Avogacía Española é a suprema instancia consultiva e as conclusións terán carácter orientador para os órganos corporativos da mesma, e haberá de ser convocado polo Consello Xeral da Avogacía, polo menos, unha vez cada cinco anos. O Congreso preséntase a priori como unha oportunidade única para coñecer de primeira man o estado da profesión; tanto grazas ao seguimento do seguimento dos distintos relatorios, como dos momentos compartidos con outros profesionais. No caso do Congreso de Valladolid, a miña valoración do conxunto, moi ao meu pesar, non pode ser positiva, pois non tiven a sensación de que o evento estivera orientado a toda a profesión, senón que se trataba máis ben dun escaparate para determinados despachos e colexios, de alto standing. Vai unha pequena explicación:
Ulos pequenos despachos?
Con este chío de @teo_abogado está todo dito:
Teo pregunta hoy en
#AbogaciaTransforma2019 por el desayuno de pequeños despachos y le mandan al contenedor de basura del supermercado
Igual escollín eu mal os relatorios aos que asistín (que non digo que non), pero moitos non só eran a cargo de avogados de grandes despachos, senón que o contido ía dirixido a este tipo de profesionais; nun claro esquecemento de que a maior parte dos profesionais traballamos dende pequenos despachos. Dos problemas do noso día a día, e do que nos custa manternos vivos nada ou pouco se falou.
Pésima escolla do lugar de celebración.
Non, non me estou a referir a Valladolid, cidade que non visitaba dende facía moitos anos e da que marchei encantada, senón da localización do congreso. Feria de Valladolid non é o lugar indicado para organizar un evento deste tipo. Coas salas onde se impartían os relatorios, separadas por paneis laterais, escoitábanse varias cousas á vez: o relatorio ao que un acudía, o da dereita, o da esquerda, e ás veces incluso o son da sala do plenario. Unha falta de respecto para os congresistas e, sobre todo, para os propios relatores.
Se non o digo morro: mal a acústica do
#congresoabogacia2019. Escóitanse varias cousas á vez e resulta moi difícil atender ben ás ponencias, que están a ser moi interesantes. Podería arranxarse isto,@Abogacia_es? Grazas!#abogacíatransforma2019
Por certo, o único like do chío non é do organizador do Congreso; que podería ter, polo menos, o detalle de desculparse por estes fallos técnicos.
A quen vou escoitar agora?
Entre doce itinerarios diferentes (si, 12), como escoller o que se vai escoitar? Estrutura: charlas de 45 minutos, 15 para cada un dos relatores e 15 para quenda de preguntas; moi dinámicas. Pero… a cal acudir? Eu optei por escoitar a xente á que non tivera a oportunidade de ver noutras ocasións, saltando duns itinerarios a outros, pero penso que esa non é a mellor opción.
Tres días non dan para reflexionar a fondo sobre o futuro da profesión; polo que tratar menos cuestións pero máis a fondo sería, ao meu humilde entender, moito máis enriquecedor.
Conciliación familiar e laboral? Non ho!
Se algo nos doeu a moitos foi este titular que saíu en moitos medios de comunicación:
La abogacía, al menos la Abogacía institucional y los grandes despachos, se posicionan en contra de la aplicación del registro horario en los bufetes. Así se ha puesto de manifiesto en la primera jornada de XII Congreso Nacional que se está celebrando estos días en Valladolid, durante un desayuno con seis socios directores.
A lectura da nova fai referencia aos grandes despachos, pero aínda non atopei unha comunicación de @Abogacía_es onde deixara claro que esta non é a súa postura. A Avogacía non pode poñerse do lado dunha pequena parte privilexiada de colexiados, e deixar de lado aos seus traballadores.
Todos sabemos que esta é unha profesión onde non sempre se pode cumprir un horario fixo (vistas interminábeis, xuntanzas, prazos, preparación de asuntos…). Pero tamén que iso pode ser paliado mediante descansos, por exemplo; se é que non se quere pagar as horas extraordinarias realizadas.
O que non pode o noso colectivo, en calquera caso, é colocarse do lado de quen non respecta os dereitos dos seus traballadores.
Entre 12 itinerarios, botei en falta un relativo á igualdade e á loita contra a violencia de xénero. Non todo está gañado neste sentido, e a avogacía debería deixar clara a súa postura ao respecto. Homes e mulleres somos iguais na sociedade, e debemos selo tamén na profesión (cantas Presidentas, Directoras Executivas, etc. de grandes despachos hai?). Pero ademais, debermos loitar porque esa perspectiva de xénero se vexa reflectida, tamén, nas resolucións xudiciais, e que forma parte do noso ordenamento xurídico dende a ratificación por España do Convenio de Estambul sobre prevención e loita contra a violencia de xénero; pero que debería terse en conta, tamén, en todos os procedementos xudiciais.