986 86 59 90

O día a día dun pequeno avogado non sempre é gratificante; pero se a maiores leva asuntos laborais, e defende á empresa e non ó traballador, como en ocasións é o meu caso, a cousa aínda se complica un pouco máis. Isto ven a conta por algo que me pasou un día destes nun xulgado do social, do que, evidentemente, non vou a dar ningún dato.

Como dicía, eu ía defendendo os intereses dun empresario nun procedemento onde o traballador solicitaba a rescisión do contrato de traballo ó abeiro do artigo 50 do Estatuto dos traballadores (isto é, incumprimento por parte da empresa das súas obrigas). Si algo aprendín é que cando o empregado senta no banco do xulgado ó seu xefe, a relación deteriorase de tal modo que é moi difícil que sigan traballando coma se nada, así que, aínda na crenza de que o meu cliente tiña a razón neste caso, antes de empezar o xuizo falei co avogado contrario para intentar chegar a un acordo. Pasa un tempo, entra na sala, onde xa se atopaba o seu cliente… e cal non é a miña sorpresa cando nos chaman para celebrar o xuízo e o compañeiro se atopa xa sentado para celebrar a vista, e só a preguntas da Súa Señoría di que non hai posibilidades de acordo, e pasa a relatarlle a miña oferta, as pretensións do seu cliente, e non sei cantas cousas máis. Pareceume unha falta de ética profesional, e empecei a envelenarme…

Certo é que na xurisdición social, prima o principio in dubio pro operario. Pero unha cousa é esa, e outra intentar predispoñer ó xuíz, instruíndoo en cuestións totalmente alleas ó preito. Así que decidín (sen pensalo moito, iso tamén é certo) contraatacar, contando a miña versión dos feitos: que o meu cliente non incumprira coas súas obrigas, e que se lle facía unha oferta económica era para non deteriorar máis a relación entre as partes, e que acabasen dun xeito máis ou menos amigable.

Fixemos números outra vez, pero seguimos sen chegar a acordo, así que o xuíz decidiu intervir… colocándose sen mais do lado do traballador. Dirixíndose ó meu cliente, preguntoulle algo así como ¿sabe vostede que se está arriscando a que lle condene a pagar o dobre? , e eu respondín cunha frase do estilo ¿por que non lle advirte ó traballador que igual non recibe ningunha indemnización si lle desestima a demanda?

Igual tiña que ter calado; pero non podo deixar de pensar, cando me pasan cousas coma estas, que o meu traballo non serve para nada, que a sentenza está posta dende antes de que o meu cliente e máis eu entremos na sala, que o partido non empeza 0-0, e que para iso, quitamos do noso ordenamento xurídico a xurisdición social.

Agora estou esperando a sentenza, pero véxome anunciando o Recurso de Suplicación.