Que os xulgados existen para que a xente poida solucionar os seus conflitos cando non é quen de facelo doutro xeito é unha realidade. Pero tamén o é que o feito de acudir á xustiza non debe ser tomado como un xogo; pois, ás veces, as consecuencias deses actos non son as previstas, e se do ámbito penal estamos a falar, as cousas normalmente non teñen volta atrás. Isto ven a conto polo que me pasou estes días: Por unha parte, atopeime cunha cuestión de maltrato familiar iniciada cando un pai, ante unha discusión forte na casa, decidiu chamar á policía para darlle un susto ao seu fillo. Máis a cousa rematou (polo de agora, a espera de xuízo) co rapaz fora da casa cunha orde de afastamento do seu pai; e este chorando porque non quería que o seu fillo se fose porque non tiña a onde ir. Deixando a un lado a existencia ou non do delito (que se verá no seu día), neste caso concreto (así mo fixo saber) o denunciante non tiña a máis mínima intención de facer tal cousa cando chamou á policía: só quería poñer un pouco de orde nun incómodo conflito familiar; descoñecendo que, salvo en casos moi particulares, cando calquera forza do orde público ten coñecemento da existencia dun posíbel delito, a administración de xustiza, de oficio, continúa coa tramitación do procedemento ate o final, aínda que a parte pretendidamente prexudicada non queira continuar co mesmo. A acción penal é pública. Estes sustos penais son relativamente frecuentes, e todos os profesionais nos atopamos con un de cando en vez. Menos habituais son os sustos civís: unha muller, sospeitando que o seu home lle é infiel e a pode deixar, decide adiantarse e presentarlle ao seu home un convenio regulador de separación de mutuo acordo, para que el vexa o que lle vai a custar vivir só, pensando (claro está) que el non ten en realidade a intención de separarse. E cal non foi a miña sorpresa cando me chamou para dicirme que si, que el o firmara… Aínda que neste caso lle quede a ela a opción de presentalo ou non, é evidente que non é unha boa xogadora de mus, pois os órdagos, cando un ten medo a perder, hai que ter moito coidado con cando se botan…
A alma da toga
Reflexións dunha avogado nunha pequena cidade