986 86 59 90

Deberiamos estar afeitos, xa non só os avogados senón a sociedade en xeral, a que as Administracións Públicas cando abordan casos de estranxeiría non se paren a analizar a historia que hai detrás deses papeis que presentan os estranxeiros, dá igual o que lles conten, dá igual a situación na que se atopan, para a Administración Pública son un expediente máis, un número máis. Con todo hai casos e casos; e un deses casos chegou ao noso despacho hai uns meses.

O noso cliente é un mozambicano que chegou ao noso país para pasar unha tempada coa súa filla que leva residindo máis de 21 anos en España, e tivo a mala sorte (ou boa, segundo como se mire) de poñerse  enfermo no noso país. Por desgraza, a súa enfermidade non era un simple arrefriado: diagnosticáronlle un cancro; razón pola cal se lle aconsellou empezar de inmediato co tratamento médico. Nesta situación, este home procedeu a solicitar unha autorización de residencia temporal por razóns humanitarias, achegando coa devandita solicitude informe médico no que se dicía claramente que tiña que someterse en España ao tratamento, debido a que no seu país de orixe non sería posible.

Con todo, e para sorpresa do noso cliente (que non para nós), a Administración denegoulle o permiso de residencia temporal solicitado. O máis grave de todo isto é que a razón pola que se lle denegou foi que non acreditara documentalmente que no seu país non se lle podía prestar o tratamento necesario para a súa enfermidade; facendo caso omiso ao informe médico achegado, elaborado por un facultativo do sistema público de saúde. Así que por esa falta, xa non só de sensibilidade ante unhas circunstancias tan delicadas, senón por esa falta de análise do caso en cuestión, o noso cliente tivo que solicitar avogado de oficio e iniciar un periplo xudicial para que lle desen a razón sobre algo que xa acreditara.

Despois de que achegásemos catro informes médicos máis nos que se facía fincapé no feito de que o pacente tiña que seguir en España co tratamento médico pautado ao non ser posible no seu país de orixe, despois de achegar innumerable documentación médica sobre o seu estado de saúde; e mesmo (a pesar de que non sería necesario posto que todo o mundo é consciente das carencias que ten o sistema sanitario mozambicano) acreditar documentalmente a precaria situación médica que se vive en Mozambique, presentada demanda ante o Xulgado do Contencioso-administrativo este  deunos a razón, ditando sentencia estimando a demanda e accedendo á pretensión do actor.

Agora, pode adicarse ao que realmente importa: recuperar a súa saúde sen  preocuparse pola súa situación administrativa. Sobre todo porque esa situación foi xerada pola indiferenza dunha Administración Pública que en moitas ocasións esquece que trata con persoas, e que esas decisións tomadas de forma automática poden ter consecuencias sociais, de benestar, de futuro laboral ou de prosperidade; e mesmo nalgún caso concreto como o que aquí analizamos, esa decisión pode incidir directamente sobre a vida dunha persoa.