986 86 59 90

O imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, máis comunmente coñecido como imposto de Plusvalía Municipal, é un tributo directo que e paga en todos os concellos do territorio nacional cando se vende, dona ou herda un inmoble. Este imposto ven regulado no Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.

Trátase dun imposto moi polémico. Ata o de agora todos os contribuíntes que levaran a cabo unha transmisión patrimonial tiñan que pagalo, con independencia de que existira unha ganancia ou un perda na devandita transmisión. Porén, o Tribunal Constitucional na sentencia de 11 de maio de 2017 declarou inconstitucional este imposto naqueles supostos nos que a transmisión do inmoble se producira a perdas.

Outra máis recente sentencia, esta vez do Tribunal Supremo, de 9 de xullo de 2018 confirma este criterio. Nesta resolución dise que a inconstitucionalidade referente aos artigos 107.1, 107.2.a) da Lei de Facendas Locais, que regulan o imposto de plusvalía municipal, é unha inconstitucionalidade parcial. É dicir, que só será inconstitucional cando se graven situacións nas que non se producira incremento de valor. Polo tanto, o imposto non desaparece, pero queda relegado exclusivamente a aqueles supostos nos que coa transmisión patrimonial se producira unha ganancia.

A consecuencia práctica disto é que naqueles supostos nos que se transmitira un inmoble (venda, herdanza ou doazón) por unha cantidade inferior á do valor de adquisición e se pagase xa o Imposto de Plusvalía Municipal poderase pedir a devolución. Pero ollo!, só poderá facerse se non pasaron catro anos dende o pagamento do citado imposto (nalgúns casos, o prazo é aínda menor).

Porén, aquelas persoas que si obtiveran unha ganancia patrimonial coa transmisión do inmoble tampouco teñen todo perdido. Nestes casos, pódese solicitar a devolución de parte do imposto (polo menos, un 37% do pagado), alegando erro na fórmula de cálculo utilizada polo Concello. E é que o Tribunal Supremo tamén ten declarado que a fórmula que usan os concellos para determinar a base impoñible do imposto é errónea.