986 86 59 90

Leo en El País o seguinte titular: sen voda non hai pensión. Leo con atención a nova, pois é un tema que me interesa non só a nivel profesional, senón tamén pola súa transcendencia social. A cuestión é que o Instituto Nacional da Seguridade Social nega a pensión de viuvedade ás persoas do mesmo sexo que convivían con anterioridade á entrada en vigor da Reforma do Código Civil que lles permitiu contraer matrimonio. Non estou de acordo con isto; penso que, se segundo o artigo 14 da Constitución todos somos iguais ante a lei, non pode permitir o noso ordenamento xurídico a discriminación por cuestión de preferencias sexuais. Así pois, e como di o artigo do xornal, se se trata de persoas que querendo contraer matrimonio non puideron, xa que a lei non o permitía, é razoábel facer unha interpretación das normas, tal como di o artigo 3 do Código Civil, que non produza discriminación algunha. Certo que a lei establece que terá dereito á pensión de viudedade o cónxuxe supervivente; pero cando non se permite a dúas persoas do mesmo sexo contraer matrimonio, por que non intentar subsanar esa situación por medio dunha interpretación ampla da lexislación existente? Cuestión moi distinta é, para min, a equiparación das chamadas parellas de feito ó matrimonio cando se trata de persoas de distinto sexo, e sei que o que estou a dicir non é politicamente correcto. Entendo que, cando só existía o matrimonio canónico, as ideas ou crenzas de cada un lle impediran, por coherencia, non contraelo; ou que se lles de cobertura legal ás situacións de convivencia cando non se permitía o divorcio. Pero hoxe en día, que diferencia pode haber entre un matrimonio e unha parella de feito? Tan distinto é apuntarse nunha lista no Concello ou firmar un documento na Notaría, que unha acta de matrimonio no Rexistro Civil? Por que a xente lle ten tanto medo a unha palabra? Porque, o queiran ou non, os que se constitúen formalmente en parella de feito o único que queren, é, ó fin e ó cabo, os mesmos beneficios que puideran derivar do matrimonio; pero, iso si, sen que tal denominación apareza por ningures: non é iso un pouco incoherente? Paréceme ben que unha parella conviva sen casar; é unha opción de vida como calquera outra, e que debe ser respectada por todos. Pero o que non me parece tan ben é que, despois, intenten que se lles apliquen as mesmas normas que ós matrimonios cando libre e voluntariamente decidiron non ser tal. Xa o dixen antes, paréceme un pouco incoherente. Ademais, se legalmente se equiparan ambas figuras, que necesidade hai de que sigan existindo as dúas? E, en caso de desaparecer algunha, cal sería?