986 86 59 90

De que falamos cando nos referimos a #papel0?

O proxecto estrela de Rafael Catalá no Ministerio de Xustiza foi o #papel0 (https://www.elconfidencial.com/espana/2015-12-18/papel-cero-lexnet-justicia-rafael-catala_1122027/), a efectiva posta en marcha do expediente xudicial electrónico, un sistema integral de tramitación dos procedementos xudiciais que traería como consecuencia a desaparición dos expedientes en papel tal como os coñecemos dende sempre.

Regulado na Lei 18/2001 de 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e da comunicación na Administración de Xustiza (https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2011-11605), o primeiro paso para conseguir este obxectivo foi a implantación de #Lexnet; unha plataforma de intercambio seguro de información entre os órganos xudiciais e os operadores xurídicos. A través de Lexnet, e dende o 1 de xaneiro de 2016 todos os profesionais tivemos a obriga de presentar escritos e recibir notificacións a través desta plataforma. Así, todo o que nós presentamos queda automaticamente no sistema do xulgado, incorporado ao expediente correspondente.

Consecuencia directa da presentación telemática sería a creación do expediente xudicial electrónico, definido no artigo 26.1 da devandita lei: o conxunto de elementos electrónicos correspondentes a un procedemento xudicial, calquera que sexa o tipo de información que conteña. Pola súa parte, o artigo 41 establece que se porá a disposición das partes un servizo electrónico de acceso restrinxido (previa identificación e autenticación) aos expedientes dixitais, que incluiría información sobre o estado do procedemento, relación dos actos de trámites realizados con indicación sobre o seu contido, e a data na que foron ditados.

Cal é a situación actual?

Na actualidade, Lexnet é os sistema de comunicación cos xulgados na maior parte das Comunidades Autónomas, aínda que existen outras plataformas similares de comunicación entre xulgados e profesionais (https://lexnetjusticia.gob.es/mapacomunicaciones), polo que o primeiro paso si se cumpre.

Cousa distinta é o expediente electrónico xudicial. Ata o de agora, polo menos en Galicia, pouco ou nada se sabe da súa implantación. Pese a toda a publicidade institucional realizada no seu día, a práctica habitual nos xulgados é a impresión da totalidade dos documentos que forman parte do procedemento xudicial, tanto dos presentados polos profesionais, como dos xerados no propio órgano xurisdicional. De feito, dase o paradoxo de que o consumo do papel nos xulgados aumentou de xeito importante dende a obrigatoriedade da presentación telemática de escritos https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2018/02/20/juzgados-vigo-imprimen-papel-cero/0003_201802V20C1992.htm).

Tamén se da a situación contraria: que haxa documentos que chegan ao procedemento vía papel, e que teñan que ser dixtalizados para unilos ao expediente electrónico.

Analóxico versus dixital.

Na práctica temos dous tipos de xulgados: os dixitais e os analóxicos.

Nos dixitais atopámonos cos expedientes duplicados na súa totalidade: expediente electrónico e físico conviven no xulgado. Podemos consultar fisicamente os mesmos, pero se precisamos copias da documentación que os forman, estas sonnos facilitadas xa por medios electrónicos, ben a través de Lexnet, ou mediante a achega de dispositivos de almacenamento onde nos copian o expediente. Ata o de agora, eu non atopei a posibilidade de acceder ao expediente xudicial electrónico.

Pero os analóxicos… eses son outra cousa! Nestes xulgados non hai duplicidade total do expediente, polo que se precisamos copia dos autos, temos que desprazarnos fisicamente ao xulgado para fotocopiar persoalmente (si, FOTOCOPIAR) a documentación que precisamos. O que implica desprazarnos ao partido xudicial que corresponda (se é onde está o noso despacho temos sorte!), cruzar os dedos para que os autos estean localizados (non sería a primeira vez que imos ver un procedemento e está en Fiscalía, por exemplo), analizar toda a documentación e ir fotocopiando os folios úteis para nós.

Esta, Sra. Dolores Delgado é a Administración de Xustiza do século XXI.