986 86 59 90

Unha vez máis, empezo cunha nova do xornal; nesta ocasión, de La Voz de Galicia: colapso na administración de xustiza. Aínda que ós que traballamos nos xulgados este titular non nos sorprende, non deixa de ser lamentábel comprobar unha vez máis que o medio que temos para solucionar os conflitos do noso día a día non serve en ocasións. Xa teño falado algo sobre o tema noutro artigo, cando me refería ó retardo na tramitación dos procedementos no Tribunal Supremo. Con todo iso, sempre hai cousas que chaman a atención. O artigo incide na situación da xustiza en Lugo, onde seica hai uns dez mil casos pendentes de resolución; e na que detaca o estado do xulgado do contencioso-administrativo, onde están sinalando xuízos para o mes de marzo… do ano 2008. Se non lembro mal, algo semellante acontecía fai uns anos en Vigo, cando só había un Xulgado de Familia, no que unha modificación de medidas, por exemplo, podía tardar case dous anos en celebrarse a vista; hai tempo que non vou por alí, así que espero que as cousas teñan mellorado. Destaca tamén o xornal como, en moitos dos casos, son os xulgados de violencia doméstica os que acumulan un maior atraso na tramitación dos procedementos. A que é debido iso? Pois, simplemente, a que a lei integral de violencia de xénero non procedeu, na maior parte dos partidos xudiciais, á creación de novos xulgados destinados a esta materia, senón que lles foi adxudicada de modo exclusivo a un dos de instrución xa existentes; pero sen que esta atribución tivese coma contraprestación que lles liberasen senón de algúns asuntos (querelas e denuncias sen data no caso do de Pontevedra, se non lembro mal… Pero, a maiores, han de tramitar todos os procedementos de dereito de familia que deriven de temas de violencia doméstica. ¡Case nada! E a pregunta é: ¿de que sirve facer novas leis para solucionar xudicialmente os conflitos se despois non hai medios para que funcionen? Ou, polo menos, a primeira. Porque o certo é que xorden moitas máis: ¿como explicarlles estes atrasos ós clientes?