986 86 59 90

As relacións cos compañeiros de profesión son complicadas; e non me estou a referir agora ós amigos, que por sorte tamén os teño, e moi bos, dentro do gremio. Falo do trato cos compañeiros que, polas razóns que sexan, temos en fronte no noso día a día. ¿Que somos? ¿Inimigos ou compañeiros? Como inimiga me fixo sentir o outro día un avogado que, nun Recurso de Apelación contra unha sentenza dun xuízo de faltas, me acusou de instar ó meu cliente a mentir no seu propio beneficio tras el correspondente asesoramento; cando é perfectamente posíbel que cada unha das partes teña unha visión diferente do ocorrido (unha pequena liorta sen máis transcendencia que a de ter perdido os papeis). ¿Ou é que este letrado o que fai é ver nos demais as súas propias malas artes? Como contraria pero compañeira, outro avogado ó que me atopei ese mesmo día pola rúa. Falamos do tema no que somos contrarios, intentando chegar a un acordo mentres tomabamos un café; cada un defendeu, como non podía ser doutro xeito, os intereses do seu cliente, e quedamos en ter unha reunión para tratar de solucionar o conflito. Pero Modesto Barcia, que é de quen estou a falar, tamén aproveitou para comentarme que viña de publicar dous libros dos que eu non tiña coñecemento: “Los abogados y otras gentes del foro en la consideración popular y literaria ibérica” e “A iberidade” cos que acabou agasallándome, e agora están enriba da miña mesa esperando ser lidos. Eu, para corresponder, conteille a miña afección polo mundo do viño, e prometinlle un par de botellas de Moraima, o monovarietal de albariño da adega da que son socia. Non todo pode ser dereito nesta vida…