986 86 59 90

Un dos imputados no xuízo polo atentado do 11-M alega que está sentado no banco por vinganza. Seica fai uns anos, axentes da Policía Nacional intentaron recrutalo como confidente, ó que el se negou. En consecuencia, despois do brutal atentando, lembráronse del e detivérono como un dos autores materiais do mesmo. Sen comentarios. Pensando nas escusas que os detidos ou imputados dan en ocasións para tratar de xustificar a súa situación, veume á cabeza un asunto de fai uns anos, onde ó meu cliente era acusado de forzar unha máquina comecartos nun bar e de levarse os cartos que había nela. A proba principal para proceder á súa detención, por non dicir a única, foi que no interior da máquina en cuestión se atoparon as súas pegadas dixitais. Mentres preparabamos o xuízo, díxome moi serio que el era inocente, que non cometera os feitos dos que o acusaban, e que as súas pegadas as colocaran alí os axentes de Policía, que lle tiñan manía porque unha vez, nunha detención anterior, conseguira escapar da comisaría. Conseguín manter o tipo para dicirlle, coa mesma seriedade, que eu iso non llo dicía ó xuíz… ó que contestou que el tampouco. Vese que neste caso non pasou o mesmo. Hei de dicir que aínda que sigo con certa atención o xuízo, non teño unha idea preconcibida de se todos e cada un dos imputados son ou non culpábeis; pero ante declaracións coma esta non podo senón pensar na escusa. que quen máis quen menos, lle deu un día ós seus pais: “é que o profesor tenme manía…”