986 86 59 90

O venres 8 de febreiro, o programa Máis Berberechos da Radio Galega emitiuse dende Pontevedra, co gallo do día do enterro de Ravachol, evento que marca a fin do entroido na cidade. Como oínte esporádica dos berberechos, decidín achegarme ate o Café Moderno, que era onde se gravaba o programa. O primeiro invitado foi o alcalde de Pontevedra, co cal conversaron de moitas cousas, e unha dela foi a celebración dos matrimonios no concello. Nestas, María Xosé Rodríguez, a presentadora do programa, comentou que lle chamara a atención, como asistente a un casamento en Pontevedra, que o alcalde fixera referencia a que os cónxuxes deben ser fieis, e que o comentara cun coñecido seu avogado e lle dixera que iso era unha licencia do oficiante, que non era necesaria tal cousa; ó que o alcalde dixo que si, que viña sendo unha tradición da cerimonia, pero nada máis. Sorprendinme moito ó ouvir isto, pois aínda que non me sei de memoria o Código Civil, estaba case segura de que a fidelidade segue a estar recollida no texto legal e que non fora eliminada na súa última modificación. Así que o primeiro que fixen o sábado foi ir ó Código Civil, para comprobar que eu non estaba errada, e que o artigo 68 segue establecendo a fidelidade como unha das obrigas dos cónxuxes.

Os cónxuxes están obrigados a vivir xuntos, gardarse fidelidade e socorrerse mutuamente. Deberán, ademais, compartir as responsabilidades domésticas e o coidado e atención de ascendentes e descendentes e outras persoas dependentes ao seu cargo.