Estase a falar estes días en todos os medios de comunicación dun tema bastante delicado, como é a reclamación que o condutor dun coche que atropelou a un ciclista de dezasete anos (falecido no accidente) fai ós pais da vítima polos danos sufridos no seu vehículo.Como non teño datos suficientes sobre a cuestión xurídica (a moralidade ou ética de cada un non é cousa miña), prefiro non facer comentarios sobre a mesma, xa que son moitas as dúbidas que se me plantexan antes de facer unha valoración seria da cuestión. Parece ser que esta mañá estaba prevista a celebración do xuízo, e dada a expectación creada, deseguida saltou a nova: seica o demandante retirou a súa reclamación. Cando, comentando o tema con un lego en dereito eu lle dicía que, no fondo, iso non quería dicir nada xa que se podía volver a presentar a demanda, xurdiu a cuestión da diferencia entre desistir e renunciar. Ambas figuras, o desistimento e a renuncia aparecen reguladas no artigo 20 da Lei de Axuizamento Civil. Pero penso que non é necesario profundar na súa tramitación para ver a diferenza entre ambas. No caso da renuncia, o xuíz ten que ditar sentenza absolvendo ó demandado, polo que a cuestión non pode volver a considerar ante os xulgados. Por contra, o desistimento é un acto de vontade do demandante que fai que o procedemento finalice sen sentenza, polo que si é posíbel nese caso que se volva a considerar xudicialmente a cuestión. Ou sexa, que a renuncia é definitiva, pero non así o desistimento.
A alma da toga
Reflexións dunha avogado nunha pequena cidade