986 86 59 90

Ó abeiro do publicado hoxe en El País, voume referir publicamente a algo que, en moitas ocasións, teño comentado cos compañeiros: o proveito que algunhas mulleres están a sacar da Lei integral de violencia de xénero para vingarse das súas parellas. Vaia por diante que non quero dar a sensación de frivolizar cun tema tan serio. Non serei eu quen diga que non estamos ante un problema moi grave, e de moi difícil solución mentres todos non esteamos debidamente educados no respecto ós demais. Pero hai quen intenta aproveitarse da sensibilidade social que a cuestión dos malos tratos desperta para sacar beneficio nunha seguinte crise matrimonial. Beneficio este que na maior parte dos casos ten que ver cos fillos: unha denuncia (e máis dende a nova redacción do artigo 153 do Código Penal) por malos tratos case garante: a custodia dos fillos, a atribución do uso da vivenda familiar, e unha medida de alonxamento en ocasións extensible ós descendentes que dificulta (se non imposibilita) unha boa relación paterno-filial. Hoxe en día, as nais queren que os pais se impliquen de igual xeito na crianza i educación dos fillos, non pode ser doutro xeito, toda vez que os roles de xeracións anteriores xa case son historia. Pero se xurde unha crise, moitas destas nais non dubidan en inventarse uns malos tratos, físicos ou psíquicos, que agora constitúen delito, para alonxar ós fillos dos pais. Ou simplemente, por vinganza ante a negación a recoñecer que a parella fracasou, ou que sei eu por que… Lembro agora un destes casos que levei no despacho, no que de modo automático só con ler a denuncia da muller (separada legalmente do seu marido), e sen tan sequera tomar declaración ó denunciado, un xulgado (non vou a dicir cal) ditou orde de alonxamento contra el. Así, sen máis. E despois, todo acabou en arquivo xa na fase de instrución. ¿É isto lóxico? Por iso é tan importante a reflexión que fai a sentenza da Audiencia Provincial de Barcelona, á hora de poñer de manifesto que con temas tan importantes como a imputación de delito (ou os dereitos dos fillos de estar cos seus pais) non se pode xogar.