986 86 59 90

Coido que empezando co exemplo que poñía o outro día unha boa compañeira se entenderá ben a cuestión: imaxinádevos que unha persoa é operada de urxencia na sanidade pública; e que despois, cando xa está curado e fora do hospital, se dan conta de que non tiña dereito a ser atendido alí. Así que o SERGAS, en vez de intentar localizar ó paciente para reclamarlle os gastos, acorda descontarlle o custe da operación ó cirurxián do seu soldo. Que pensariades? Pois algo así é o que nos está a pasar ós avogados da Quenda de Oficio do Colexio de Avogados de Pontevedra, ós que a Xunta de Galicia pretende cobrar o traballo realizado, ó non ter acreditado os clientes o seu dereito ós beneficios de xustiza gratuíta. E en lugar de reclamar as nosas percepcións ós interesados que non acreditaron o seu dereito, pretenden recuperar os seus diñeiros descontándollos a quen si realizamos o noso traballo obrigatoriamente, pois unha vez efectuada a designación da quenda de oficio, a defensa é irrenunciábel. A tramitación da xustiza gratuíta é bastante sinxela:

  • Por unha banda, os avogados interesados en prestar este servizo, unha vez cumpridos uns requisitos previos, se inscriben no mesmo.
  • Por outra, quen queira ou necesite litigar, e crea que reúne os requisitos económicos, solicita que lle sexa designado avogado de oficio.

É o Colexio de Avogados o encargado de realizar as designacións provisionais, que despois confirmará ou non a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta nunha resolución que pode tardar moitos meses. De feito, en moitos casos o profesional xa ten xustificadas as súas actuacións e o procedemento está finalizado cando ese acordo chega ás súas mans. En asistencias a detidos ou imputados, o procedemento de concesión dos beneficios de xustiza gratuíta iníciase coa formalización dun formulario por parte do letrado que realiza a actuación, que despois presenta diante do Colexio de Avogados; e este ocúpase (ou debería ocuparse, xa teño as miñas dúbidas) de solicitar ó interesado a documentación necesaria para que este acredite o seu dereito á xustiza gratuíta. Cando a Comisión confirma a designación non hai problema. Pero ¿e cando non é así? Pois aí é onde nos atopamos: a Xunta decidiu reclamar ós letrados de Pontevedra as cantidades correspondentes ós asuntos xustificados no primeiro trimestre de 2005, dos que non consta acreditado o dereito ó beneficio de xustiza gratuíta. E en lugar de demandar as cantidades aboadas a quen indebidamente recibiu un servizo por parte da administración, opta polo máis doado: reclamar esas cantidades ós letrados. De todo isto, tivemos coñecemento por terceiros, xa que foi o Colexio de Avogados o que convocou unha Xunta Xeral Extraordinaria (que se celebrará o vindeiro sábado 21 de abril) para tratar o tema; sen que por parte da Xunta de Galicia se nos comunicase nada polo de agora. ¿É legal esta medida? Pois semella que si, a tenor do artigo 43.2 do Decreto 146/97 que aproba o Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuíta de Galicia. ¿É lóxica, ou xusta? Entendo que non. Paréceme que é unha falta de respecto por parte da Administración para cos profesionais que adicamos parte do noso tempo a facilitar o acceso á xustiza a quen non ten medios a cambio dunha esmola, que na maior parte dos casos apenas dá para cubrir gastos. Pero tamén me parece dun deixamento total por parte do Consello da Avogacía Galega e dos distintos Colexios de Avogados, que non sei para onde estaban a mirar cando se aprobou o devandito Regulamento. Non sei o que pasará na reunión do vindeiro sábado. Os compañeiros cos que levo falado están tan indignados coma min ou máis. Descoñezo a postura que ten pensado adoptar o Colexio de Avogados, pero espero que sexa de defensa do noso traballo, e non de achantamento ás pretensións da administración. A ver se é certo que, ó fin, somos capaces de enfrontarnos a esa pantasma da “profesionalización” da xustiza gratuíta coa que sempre nos ameazan dende a Xunta. De feito, seica xa hai por hai grandes despachos que se ofreceron a xestionar este servizo a cambio dunha remuneración pactada, algo que penso vai en contra de todo o que, dende sempre, significou a quenda de oficio.