986 86 59 90

Teño un cliente co cal apenas son capaz de entenderme. El é dun país africano francofalante, leva menos dun ano no país, non fala galego e apenas español. Os meus coñecementos de francés fai anos que practicamente se evaporaron. Nestas condicións, é realmente complicado entenderse cunha persoa que ten un problema legal de non pouca importancia e que necesariamente ten que ser resolto xudicialmente. E se xa é difícil en moitas ocasións explicar ós clientes o contido das leis e porqué as súas pretensións poden ou non ter éxito, a cousa é case imposíbel cando ó descoñecemento lóxico de cuestións legais lle sumamos a barreira idiomática. Así que, despois de darlle moitas voltas, acordeime de que o Instituto Cervantes ten un servizo de tradución automática, non só para páxinas web (grazas a el se pode ler este blog en español, por exemplo) senón tamén para textos. Esta interesante ferramenta serve non só para traducir ó galego e o catalán, senón tamén ó inglés, francés e portugués. Fun á páxina, e penso que en menos dun minuto xa estaban traducidos os cinco folios da demanda. O sorriso de agradecemento do meu cliente, que o único que daba dito era “xa o entendo” pagou a pena de sobra o mínimo esforzo levado a cabo.