986 86 59 90

Por vocación e porque me gusta moito o dereito penal, son avogado da quenda de oficio, e fai uns días tocoume estar de garda para a asistencia a detidos. Avisáronme para que, ás dez da mañá, estivera no xulgado de garda para celebrar un xuízo rápido por un delito contra a seguridade do tráfico (alcoholemia). Como xa vou sabendo de que vai a cousa en canto á puntualidade se refire, pareime a tomar un café, así que cheguei un cuarto de hora tarde: pequena rifa do funcionario polo atraso, e presa polo membro do Ministerio Fiscal (en prácticas) por falar e intentar chegar a unha conformidade. Pido desculpas, copia do expediente, un minuto para botarlle unha ollada, e outro para falar con… ¿onde está o imputado? No medio de tanta presa, ninguén se dera conta de que o imputado aínda non chegara… Así que xa me deu tempo a facer as cousas con calma. Con tanta, de feito, que vin o asunto con detalle, achegueime á Sección de Menores da Fiscalía a facer unha asistencia (un rapaz de quince anos ó que pillaron intentado sacar un videoxogo dun centro comercial sen pasar pola caixa), e a tomar un café tranquilamente. E o meu cliente sen aparecer. Así que a iso das doce, e cando xa o xuíz ditara orde de detención contra el, funme (non sen certa pena porque non se presentase) esperando a que o detiveran para celebrar o xuízo. Avisáronme ó día seguinte ás once menos dez, con moito apuro: que fose o xulgado canto antes, que o Fiscal (xa non o de prácticas) tiña que estar na Audiencia Provincial en breve. Dixen que tardaría uns vinte minutos, saín correndo sen conseguir anular unha cita, en quince minutos conseguín chegar ó Xulgado de Garda, e cal non foi a miña sorpresa (e o meu cabreo) cando me decato de que o Fiscal saíra a facer o que tiña que facer, e a Policía aínda non chegara co detido. Pregunto: ¿para que me chaman, entón? ¿E que o meu tempo e o meu traballo non teñen ningún valor? Saín, moi digna, dicindo que non me volveran a avisar ate que non estiveran todos alí. Pasou un bo anaco ata que me chamaron de novo. Ás doce e media, xa estivera dúas veces no calabozo falando co meu cliente, conformara có Fiscal, explicáralle a situación á súa dona… e faltaban o Xuíz e o Secretario, os cales aínda tardaron unha media horiña máis en aparecer pois estaban traballando noutros asuntos. Conseguín saír do xulgado case dúas horas e media despois de que chegara; e iso, que o meu traballo o tería feito, ó ser un caso sinxelo, en non máis de quince minutos. Pero, aínda que recibín as desculpas do Fiscal por non terme avisado, non deixei de sentirme mal. Pois nin isto é a primeira vez que pasa (así o poderían corroborar moitos compañeiros), nin será a derradeira.