Xa que o mes de agosto é inhábil para a maior parte das actuacións xudiciais, hai unha tradición non escrita pola cal ese é o mes no que os avogados colgamos o cartel de pechado por vacacións. Mais iso non é de todo certo, xa que sempre hai cousas pendentes que dalgún xeito obrigan a non pechar a porta nin desconectar o fax ou descolgar o teléfono durante todo un mes, por moito que un o desexe… ou o necesite. Penso, por exemplo, nos clientes que viven fora pero que teñen asuntos que resolver no seu país; ou procedementos administrativos para os cales agosto é un mes coma os demais; e incluso, eses asuntos xudiciais considerados de tal entidade como para que non queden paralizados durante ese tempo. En calquera caso, son os menos. Pero a maiores, resulta que se está estendendo o costume dos xulgados de continuar notificando cousas en agosto. É lóxico que os funcionarios que non están de vacacións continúen facendo o seu traballo con normalidade. Pero… por que seguen a notificar as cousas como se nada? Refírome, claro está, ós asuntos que non se notifican a través de Procurador, senón directamente ó cliente no despacho do seu avogado; pois os Procuradores son bastante máis espelidos ca nós (ou ca min, polo menos) e desconectan o fax e non recollen os avisos de correos, para evitaren ser notificados e non poder poñerse en contacto co letrado do asunto. Igual para o vindeiro ano aprendo…
A alma da toga
Reflexións dunha avogado nunha pequena cidade