
Fonte imaxe: eme2.
Unha das cousas que máis me presta do colexio ao que vai o meu fillo é o seu Club de Lectura, dirixido á toda a comunidade educativa con excepción dos alumnos. Pais e nais, mestras (e non digo mestres, porque ningún dos do centro forma parte do mesmo) e persoal non docente reunímonos unha vez ao mes para comentar o libro que vimos de ler, e levar ás nosas casas o seguinte. O mellor de todo (e o que nos fai raros, segundo un dos asistenes) é que só lemos en galego.
E non só iso, senón que tomando como escusa algún dos libros lidos, todos os anos facemos algunha pequena excursión ou saída ao cine. Este curso, como novidade, incorporamos tamén o teatro. O pretexto veunos dado polo último dos libros que lemos, “Tres segundos de memoria”, de Diego Ameixeiras, (o cal, ademais nos visitou para comentar a súa novela con nós) que é o autor do texto de Get Back, que hoxe se representa en Pontevedra.
Non sei se na obra ten entrada a coñecida canción dos Beatles; nin se as personaxes da obra tentan ou non volver a algures. Pero si sei que para min, este pequeno Club de Lectura é o meu particular “get back”; neste caso, á literatura galega, que hei de recoñecer tiña un pouco esquecida.