986 86 59 90

SC Avogados Gústame ser avogado?

Fonte: IMDB.

O meu fillo de sete anos preguntoume onte se me gustaba o meu traballo; e a verdade é que tiven que pensar que contestarlle. Porque o certo é que non, hai moitos días nos que non me gusta o que fago.

E non me gusta porque, aínda que as series de TV (na súa maior parte estadounidenses) tratan de dar unha visión do máis snob e glamourosa desta profesión, o día a día dun pequeno despacho non é así. Nin unha é Alicia Florrick (nin falta que fai, que nin tola cambio eu ao meu marido polo dela), nin os clientes son todos adiñeirados e donos de grandes empresas tecnolóxicas. E, como é fácil supoñer, as nosas minutas tampouco andan sobradas de ceros á dereita.

A nós chéganos pola porta xente normal, desa coa que un se pode cruzar na rúa, ou atopar na caixa do supermercado (cousa que non sería a primeira vez que pasara). E os seus problemas poden ser do máis variado, e poucas veces (para ben, todo sexa dito de paso) serían dignos de ocupar unhas liñas no xornal; pero para eles, no momento en cuestión, son os máis importantes e urxentes do mundo, polo que é preciso tratar de facerlles entender que si, que as súas cousas nos interesan. Se para un cliente un tema é importante, para o avogado tamén ten que selo, penso eu.

Así que, queira un ou non, ao final estamos día tras día, semana tras semana, mes tras mes… tratando de axudar aos demais a solucionar os seus problemas; ou a enfrontarse a eles, se o final non é o que eles buscaban. E cando as cousas non saen como o cliente (ou como un) espera, a sensación é de moita frustración. E cando saen ben… non hai tempo a pararse e gozar dese momento, porque a mesa segue chea de cousas que facer.

E aínda así, penso que si, que me gusta o que fago, que me gusta ser avogado.