986 86 59 90

Por casualidade, botándolle unha ollada rápida ás novas en Chuza, entereime de que o Consello Xeral do Poder Xudicial lle abrira un expediente á titular do Xulgado do Social nº2 de Santiago de Compostela, Dona Ana López-Suevos, á que se acusaba de “sectarismo e partidismo” por ter permitido a utilización do galego nun xuízo. Pero o máis curioso é que esa “indefensión” que a utilización da nosa lingua causou, ó parecer, a unha das partes, só se denunciou á vista da sentenza (que como poden supoñer todos os que dun xeito habitual pasan polo xulgado en cuestión, tamén se ditou en galego), e non no acto da vista. Certo é que o artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial di, no seu número 2, que os xuíces poderán usar a lingua oficial propia da Comunidade Autónoma (o galego, neste caso), se ningunha das partes se opuxese alegando un descoñecemento que puidera producir indefensión. Pero se esa salvedade non se fai no primeiro momento no que se usa o idioma que a parte di non entender, que sentido ten que se faga a posteriori? Lóxico é que cada parte defenda os seus intereses como mellor lle pareza, faltaría máis… pero hai que ser coherente, e se un letrado (ou a parte) non informa do seu descoñecemento dunha lingua no primeiro momento, que sentido ten facelo despois? Persoalmente, alégrome de que unha queixa deste tipo sexa arquivada: mal que lles pese a moitos, o galego é a nosa lingua. Para os mal pensados, dicir que non me une coa xuíza implicada ningún tipo de relación que non sexa a estritamente profesional das veces (poucas) que tiven asuntos (uns con sentenzas favorábeis e outros non) no seu xulgado (nin sequera penso que me recoñeza se me ve pola rúa), pero paréceme que non merece que lle abran un expediente por algo coma isto. Nin ela, nin todos os xuíces e maxistrados que se ocupan de que o galego estea presente en todos os ámbitos da nosa vida.