986 86 59 90

Querido Lexnet:

Non sei como dicirche isto sen que te anoxes, pero non podemos seguir así! Ben sabes que eu apostei dende o principio pola nosa relación, pero ti non pareces precisar o mesmo, e cada vez que quero ir un paso máis aló, atópome con novas trabas e problemas pola túa parte.

O de hoxe non é novo. De feito, a vez anterior que me pasou algo semellante cheguei a falar directamente cos responsables de RedAbogacía, que me dixeron que o problema debérase a que entrara ao sistema pola plataforma do Ministerio de Justicia e non pola deles. Pero agora que fago como din, as cousas seguen sen ir ben. Ou, polo menos, así o sinto eu.

Si, sei que son unha rosmona; non che falta razón niso. Pero tes que tratar de entenderme ti a min. Resulta que o 28 de abril (pola tarde) presentei un escrito utilizando a túa plataforma; presentación correcta, como o acreditaba o xustificante xerado. Pois ben: ao día seguinte pola mañá, ao redor das 10:30, o escrito aínda seguía pendente de aceptación ou rexeitamento no sistema:

SC Avogados Querido Lexnet: por qué tardan tanto as aceptacións dos escritos presentados?

E pareceume raro, porque a persoa coa que falei a vez anterior informoume que o Ministerio de Justicia só actualizaba os datos cada seis horas, ou algo así. Non lembro moi ben cal era a causa de que non houbera confirmación automática, dígoche a verdade.

Entón pensei que igual eran horas hábiles. Así que como presentara o escrito ás 19:34 do 28 de abril, deixei transcorrer o tempo para ver se por fin me atopaba o meu escrito tramitado. Pero o tempo pasaba e todo seguía igual:

SC Avogados Querido Lexnet: por qué tardan tanto as aceptacións dos escritos presentados?

A ti todo isto parecerache unha parvada Lexnet, xa o sei. Pero mentres o sistema acepta ou non os escritos, os prazos seguen correndo, non se interrompen. Así que imaxina a situación: escrito no limbo durante case 20 horas sen que o profesional que o presentou saiba se está todo ben ou non. Se hai calquera problema, como llelo explico eu despois ao cliente? Como lle fago entender que eu presenteino en prazo pero que non foi admitido, e tardei case un día en sabelo? Non o vai entender, e eu, sinceramente, tampouco sabería como explicárllelo.

Pero centrándomos: estamos cun escrito presentado o 28 de abril, e que ás 13:34 horas do día seguinte non aparece admitido. Esa tarde non puiden pasar polo despacho, pero o día 30 o primeiro que fixen, como podes imaxinar, foi ver como andaba a cousa. E atópome con que si, con que o meu escrito foi aceptado… o 29 DE ABRIL ÁS 9:16 HORAS.

SC Avogados Querido Lexnet: por qué tardan tanto as aceptacións dos escritos presentados?

E entón si que non entendo nada! Porque o día 29, despois desa hora, eu entrei dúas veces no sistema e a aceptación non aparecía. A ti paréceche normal, Lexnet? O escrito estaba aceptado, e xa non tiven que preocuparme de nada máis. Pero… e se non fose así? Se o escrito fora rexeitado, e eu non tivera tempo de sabelo dentro do prazo para presentado de novo? Que fago entón? Cómo soluciono eu o meu problema?

Ti dirás o que queiras, pero eu penso que isto ten que cambiar. Que a aceptación ou rexeitación dos escritos ten que ser automática para que, en caso de que haxa que emendar algo, nos dea tempo aos profesionais a facelo dentro de prazo. Non sei como o ves, pero algo teremos que facer para evitar estes desaxustes, non che parece?