986 86 59 90

SC Avogados A subida das taxas xudiciais  O outro día, tomando un café, preguntábame unha compañeira afiliada ao PP que pensaba da proposta de Alberto Ruíz Gallardón, actual ministro de xustiza, para xeneralizar as taxas xudiciais.

E digo xeneralizar, porque as taxas xudiciais xa existen, se ben na actualidade tan só se pagan por persoas xurídicas cunha determinada facturación (superior a oito millóns de euros), e nas xurisdicións civil e contencioso-administrativa.

Pero o que ao parecer agora se pretende é:

  • unha importante subida nas contías actuais, superior nalgúns supostos ao cento por cento.
  • unha ampliación dos suxeitos obrigados ao pago, que incluiría as persoas físicas; e deixaría sen efecto ao meu entender a limitación económica para as xurídicas.
  • a inclusión da segunda instancia da xurisdición social.

Haberá que esperar á aprobación do texto definitivo, pero polo de agora, a miña impresión non pode ser positiva, pois coma sempre, os máis prexudicados serán os que menos recursos económicos teñen, co que se está limitando o dereito constitucional a unha tutela xudicial efectiva que ven recoñecido no artigo 24.1 da Constitución.

Asemade, non podemos esquecer que dende o 2009, e salvo na xurisdición penal, os litigantes xa están obrigados ao pago de depósitos para recurrir, que quero pensar quedarán sen efecto coa modificación das taxas xudiciias.

Sobre que a razón de ser desta modificación sexa ao financiamento da xustiza gratuíta, xa se manifestou Carlos Carnicer, Presidente do Consello Xeral da Avogacía Española.