986 86 59 90
SC Avogados Presunción de inocencia

Fonte imaxe: Pinterest

Despois de que nos días pasados tres mulleres morreran presuntamente a mans das súas parellas ou ex parellas, eu non podo deixar de pensar no principio de presunción de inocencia que aparece recollido no artigo 24 da Constitución española Sei, como non, que na maior parte dos casos, cando unha muller é asasinada, nos atopamos ante un crime de violencia de xénero. Pero non sempre é así, e iso é algo que non debemos, penso eu, esquecer.

Os que me coñecen saben que gosto moito do dereito penal. En moitas ocasións (dicir o contrario sería mentir) sei que o meu cliente é o autor dos feitos polos que é investigado ou encausado. Pero iso non me impide tratar de facer o meu traballo do mellor xeito posible. Culpábel ou non, todo o mundo ten dereito a un procedemento con todas as garantías e dereitos. Aí, entendo eu, está a nosa principal función como avogados da defensa: que o procedemento contra o noso cliente se siga sen vulneración do seu dereito de defensa e con aplicación do principio fundamental de presunción de inocencia.

Cando feitos tan duros como os de días pasados ocorren, o meu primeiro pensamento vai para a vítima, como non! Se tiña fillos, penso neses rapaces sen nai, e pónseme un nó na gorxa. Familia, amigos… non podo imaxinar como alguén é quen de causar tanta dor ao seu redor.

Penso tamén no presunto culpábel (por agora voulle chamar así); en que se está a facer tan mal na nosa sociedade para que aínda hoxe en día haxa homes, moitos deles novos, que non consideran ás mulleres como iguais, e consideran á súa parella como algo da súa propiedade, e non como unha persoa que ten dereito a decidir con quen quere ou non quere estar. E prego por ser quen de educar ben ao meu fillo, home, para que sempre saiba respectar a todas aquelas mulleres coas que vaia relacionarse ao longo da súa vida.

E, por último moitas, moitas veces, penso no avogado da defensa, que terá que deixar a un lado todos os condicionamentos sociais e posiblemente os seus propios prexuízos para facer o seu traballo. E para facelo ben, como non. Por moi duro que sexa ter que poñerse ao lado de alguén que se ten a certeza que é un homicida ou un asasino, o avogado defensor terá que loitar porque o procedemento se siga con todas as garantías, e que o acusado poida facer valer o seu dereito de defensa.

Só despois dese xuízo xusto, só cando haxa unha sentencia condenatoria, poderemos falar coa boca ben grande de asasinos, homicidas ou agresores sen o presunto diante. Antes, por moi contracorrente que vaia, eu seguirei a pensar que debermos lembrar o principio de presunción de inocencia, e referirnos aos investigados ou encausados como tales, e non como culpábeis.