986 86 59 90

Escoito casualmente na radio parte dun programa no que se fan esta pregunta, á que penso que todos os que nos adicamos á avogacía (e se levamos cuestións penais, con máis frecuencia) tivemos que contestar nalgunha ocasión. Trátase de se alguén que ten toda a pinta de ser culpábel (un violador, un terrorista, …) segue a ter dereito a ser defendido. Eu penso que si, que todo o mundo ten dereito a unha defensa, a unha boa defensa en realidade. A existencia dun poder xudicial garántenos a todos (si, a todos) que nos atopamos a salvo de vinganzas ou arbitrariedades. Porque ninguén pode limitar os nosos dereitos nin impoñernos obrigas sen que ese castigo sexa debidamente motivado, e se trate dunha decisión adoptada por un organismo ao que entre todos, lle concedemos esa potestade, xa que non podemos deixar na man dos interesados a resolución dos problemas xudiciais (está un pai capacitado para xulgar ao asasino do seu fillo, por exemplo?). Trátase de facer todo o posíbel para que ningún inocente resulte condenado; e unha boa defensa (xunto con esa presunción de inocencia tantas veces esquecida) axuda a que os erros sexan os mínimos, e a que cando alguén é condenado o sexa despois dun xuízo xusto. Igual isto é un pouco espeso para unha escura tarde de novembro; pero levo tanto tempo sen escribir nada, que unha pequena declaración de principios me pareceu un xeito tan bo como outro calquera para lembrar que aínda sigo aquí.