SC Avogados

Servizos xurídicos integrais para particulares e PEME

ICA Pontevedra, premio Cidade de Pontevedra

A pasada semana, arderon as redes sociais cun artigo publicado nun xornal onde se acusaba á avogacía de ser o peor oficio do mundo. Como penso que a segundo que tipo de opinións non hai que darlle pulos, abstéñome de darlle máis publicidade ao artigo en cuestión da que xa tivo

Pero defensora como son da liberdade de expresión, defendo o der

eito dese xornalista a dar a súa opinión sobre un traballo que moitos consideramos fundamental para a efectiva defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía; por moito que el semelle non coñecelo de preto, senón só pola imaxe que en moitas series ou películas norteamericanas se da dun traballo que en nada se parece á nosa realidade.

Pero ficción ou non, esaxerado ou non, o texto en cuestión pon de manifesto algo co que me levo atopado en moitas ocasións cando digo a que me dedico: a desconfianza que os avogados xeran en moita xente. Seguro que a máis de un lle terá pasado ver como un cliente que chega con un problema xa sen solución, coa escusa de que non quería saber nada de avogados.

Pola contra, tamén hai quen considera que é bo ter un avogado de cabeceira, alguén con quen aconsellarse en momentos de dúbida, e a quen recorrer cando as circunstancias así o fan necesario. A pasada semana, sen ir máis lonxe, un cliente de certa idade que veu a despacho díxome que a próxima vez viría coa súa muller, que quería que ela me coñecese para que a protexera cando el non estivera.

E hoxe, o colexio de avogados ao que teño o orgullo de pertencer, recibe de mans do Alcalde da Pontevedra o o premio Cidade de Pontevedra de persoas xurídicas pola súa labor social; en particular, no relativo ao traballo coas vítimas de desafiuzamento por créditos hipotecarios, onde moitos compañeiros (entre os cales non me conto, a cada un o seu) prestan asesoramento e servizos profesional dun xeito totalmente gratuíto e altruísta.

E este, é só un exemplo da labor social realizada, pois son (somos, neste caso) moitos os que formamos parte da quenda de oficio do Colexio ou forman parte da Comisión Penitenciaria que presta asesoramento aos internos do Centro Penitenciario de A Lama.

Non sei se a avogacía é a mellor profesión do mundo, pero dende logo, podo dicir que se non é a mellor, pouco lle falta!

Presunción de inocencia

Fonte imaxe: Pinterest

Despois de que nos días pasados tres mulleres morreran presuntamente a mans das súas parellas ou ex parellas, eu non podo deixar de pensar no principio de presunción de inocencia que aparece recollido no artigo 24 da Constitución española Sei, como non, que na maior parte dos casos, cando unha muller é asasinada, nos atopamos ante un crime de violencia de xénero. Pero non sempre é así, e iso é algo que non debemos, penso eu, esquecer.

Os que me coñecen saben que gosto moito do dereito penal. En moitas ocasións (dicir o contrario sería mentir) sei que o meu cliente é o autor dos feitos polos que é investigado ou encausado. Pero iso non me impide tratar de facer o meu traballo do mellor xeito posible. Culpábel ou non, todo o mundo ten dereito a un procedemento con todas as garantías e dereitos. Aí, entendo eu, está a nosa principal función como avogados da defensa: que o procedemento contra o noso cliente se siga sen vulneración do seu dereito de defensa e con aplicación do principio fundamental de presunción de inocencia.

Cando feitos tan duros como os de días pasados ocorren, o meu primeiro pensamento vai para a vítima, como non! Se tiña fillos, penso neses rapaces sen nai, e pónseme un nó na gorxa. Familia, amigos… non podo imaxinar como alguén é quen de causar tanta dor ao seu redor.

Penso tamén no presunto culpábel (por agora voulle chamar así); en que se está a facer tan mal na nosa sociedade para que aínda hoxe en día haxa homes, moitos deles novos, que non consideran ás mulleres como iguais, e consideran á súa parella como algo da súa propiedade, e non como unha persoa que ten dereito a decidir con quen quere ou non quere estar. E prego por ser quen de educar ben ao meu fillo, home, para que sempre saiba respectar a todas aquelas mulleres coas que vaia relacionarse ao longo da súa vida.

E, por último moitas, moitas veces, penso no avogado da defensa, que terá que deixar a un lado todos os condicionamentos sociais e posiblemente os seus propios prexuízos para facer o seu traballo. E para facelo ben, como non. Por moi duro que sexa ter que poñerse ao lado de alguén que se ten a certeza que é un homicida ou un asasino, o avogado defensor terá que loitar porque o procedemento se siga con todas as garantías, e que o acusado poida facer valer o seu dereito de defensa.

Só despois dese xuízo xusto, só cando haxa unha sentencia condenatoria, poderemos falar coa boca ben grande de asasinos, homicidas ou agresores sen o presunto diante. Antes, por moi contracorrente que vaia, eu seguirei a pensar que debermos lembrar o principio de presunción de inocencia, e referirnos aos investigados ou encausados como tales, e non como culpábeis.

As dificultades do permiso de maternidade

dificultade permiso matenidade avogadas

Lourdes, a miña compañeira de despacho, foi nai fai pouco tempo. E non, non está na súa casa dedicada en corpo e alma ao seu bebé (que é o que tería que estar facendo) pois pese ao que moitos poidan pensar Lourdes non ten dereito ás 16 semanas de baixa por maternidade. Nin ela, nin moitas das compañeiras que traballan por conta propia.

As que están de alta no RETA teñen algo máis de sorte: a elas, o sistema da Seguridade Social si lles concede o permiso de maternidade (así como ao cobro do subsidio correspondente), pero iso non significa desvincularse do traballo por un tempo que debería ser só para o recentemente nado e os demais membros da familia. Non. Os correos electrónicos e as chamadas seguen a chegar, e os xulgados non paralizan de oficio un procedemento polo feito de que a letrada dunha das partes acabe de parir. Unha avogada que acaba de ser nai ten que pasar parte do seu tempo comunicando aos órganos xudiciais que está de permiso de maternidade e que solicita a suspensión dos prazos ou das actuacións xudiciais sinaladas, a fin de que poida procederse de conformidade co establecido nos artigos 183 e 188 da Lei de Axuizamento Civil.

As avogadas que forman parte da Mutualidade da Avogacía non contan, sequera, con ese permiso de maternidade de 16 semanas que si concede o sistema público da Seguridade Social de xeito automático, aínda que si poden conseguir suspensións de prazos e de celebración de actuacións xudiciais por este motivo.

Alguén, con bo criterio, podería pensar: se a nai non pode gozar do permiso de maternidade, entón, este poderá ser collido polo pai, de xeito que o bebé sempre estará cun dos seus proxenitores. E non, tampouco é sempre así, pois se a nai é mutualista, ao non ter dereito ao permiso de maternidade, non pode ceder o seu goce ao pai. E cando a nai pertence ao RETA, en moitos casos as empresas para as que traballan os pais son instados a non facer uso do mesmo. Non quero (nin debo) dar nomes de empresas nas que isto é así. Pero varios dos meus amigos (que veñen de ser pais non fai tanto tempo), poderían levantar a man para contar o seu caso. De aí que me resulten un tanto curiosas as críticas e os comentarios que se ven cada vez que saen as estadísticas cunhas porcentaxes moi baixas de homes que fan uso deste dereito.

Dos sacrificios que implica para unha avogada optar pola lactancia materna, nin falamos!

Get Back!

Fonte imaxe: eme2.

Unha das cousas que máis me presta do colexio ao que vai o meu fillo é o seu Club de Lectura, dirixido á toda a comunidade educativa con excepción dos alumnos. Pais e nais, mestras (e non digo mestres, porque ningún dos do centro forma parte do mesmo) e persoal non docente reunímonos unha vez ao mes para comentar o libro que vimos de ler, e levar ás nosas casas o seguinte. O mellor de todo (e o que nos fai raros, segundo un dos asistenes) é que só lemos en galego.

E non só iso, senón que tomando como escusa algún dos libros lidos, todos os anos facemos algunha pequena excursión ou saída ao cine. Este curso, como novidade, incorporamos tamén o teatro. O pretexto veunos dado polo último dos libros que lemos, “Tres segundos de memoria”, de Diego Ameixeiras, (o cal, ademais nos visitou para comentar a súa novela con nós) que é o autor do texto de Get Back, que hoxe se representa en Pontevedra.

Non sei se na obra ten entrada a coñecida canción dos Beatles; nin se as personaxes da obra tentan ou non volver a algures. Pero si sei que para min, este pequeno Club de Lectura é o meu particular “get back”; neste caso, á literatura galega, que hei de recoñecer tiña un pouco esquecida.

Idriss

Idris Elba en The Wire.

Fonte imaxe: Universo cine.

Non, non é Idris Elba o que acaba de saír do despacho. O meu cliente é outro, evidentemente, pero ao escoitar o seu nome non puiden evitar lembrarme del: de Idris Elba, o “Stringer Bell” de “The Wire”, un dos meus personaxes (xunto con Omar Devon Little) favoritos da serie.

Supoño que a estas alturas, todos os afeccionados ás (boas) series de TV xa terán visto The Wire, así que non creo que faga ningún “spoiler” se conto que Stringer Bell é a man dereita do principal traficante de drogas de Baltimore, que lonxe de conformarse co seu papel trata de medrar profesionalmente, para o cal acude a clases de Economía na Universidade, a fin de converterse nun serio e competente home de negocios. Sempre me chamou a atención esa dicotomía da súa personalidade. Por un lado, como traficante, cumprindo escrupulosamente coas ordes que recibe do seu xefe, de carácter máis impulsivo e primario. Pero por outro, equilibrado, reflexivo, xuizoso, concienciudo, disciplinado…

E ás veces, cando teño diante de min a un cliente de penal, penso se tamén terá esa dobre personalidade. Aínda que xa sei que a resposta é non, xa que a maior parte dos temas penais que eu levo chegan vía quenda de oficio. Iso quere dicir que nunca pertencen a grandes organizacións delitivos, se non que é xente que puntualmente comete un erro na súa vida (coas consecuencias que iso poida ter), ou que actúa obrigado pola súa situación de exclusión social ou adicción ou dependencia de segundo que tipo de sustancias. E que queredes que vos diga? Eu prefiro axudar a este tipo de persoas que economicamente non dispoñen de medios económicos para defender os seus dereitos, que cobrar unhas minutas de moitos ceros e arriscarme a implicarme de máis en segundo que asuntos.

En calquera caso, como é venres, e xa empezou de verdade o outono, se os magostos de San Martiño vos deixan tempo libre, revisar ou chegar a The Wire igual non é unha mala opción.

Xa me contaredes!