986 86 59 90

dificultade permiso matenidade avogadas

Lourdes, a miña compañeira de despacho, foi nai fai pouco tempo. E non, non está na súa casa dedicada en corpo e alma ao seu bebé (que é o que tería que estar facendo) pois pese ao que moitos poidan pensar Lourdes non ten dereito ás 16 semanas de baixa por maternidade. Nin ela, nin moitas das compañeiras que traballan por conta propia.

As que están de alta no RETA teñen algo máis de sorte: a elas, o sistema da Seguridade Social si lles concede o permiso de maternidade (así como ao cobro do subsidio correspondente), pero iso non significa desvincularse do traballo por un tempo que debería ser só para o recentemente nado e os demais membros da familia. Non. Os correos electrónicos e as chamadas seguen a chegar, e os xulgados non paralizan de oficio un procedemento polo feito de que a letrada dunha das partes acabe de parir. Unha avogada que acaba de ser nai ten que pasar parte do seu tempo comunicando aos órganos xudiciais que está de permiso de maternidade e que solicita a suspensión dos prazos ou das actuacións xudiciais sinaladas, a fin de que poida procederse de conformidade co establecido nos artigos 183 e 188 da Lei de Axuizamento Civil.

As avogadas que forman parte da Mutualidade da Avogacía non contan, sequera, con ese permiso de maternidade de 16 semanas que si concede o sistema público da Seguridade Social de xeito automático, aínda que si poden conseguir suspensións de prazos e de celebración de actuacións xudiciais por este motivo.

Alguén, con bo criterio, podería pensar: se a nai non pode gozar do permiso de maternidade, entón, este poderá ser collido polo pai, de xeito que o bebé sempre estará cun dos seus proxenitores. E non, tampouco é sempre así, pois se a nai é mutualista, ao non ter dereito ao permiso de maternidade, non pode ceder o seu goce ao pai. E cando a nai pertence ao RETA, en moitos casos as empresas para as que traballan os pais son instados a non facer uso do mesmo. Non quero (nin debo) dar nomes de empresas nas que isto é así. Pero varios dos meus amigos (que veñen de ser pais non fai tanto tempo), poderían levantar a man para contar o seu caso. De aí que me resulten un tanto curiosas as críticas e os comentarios que se ven cada vez que saen as estadísticas cunhas porcentaxes moi baixas de homes que fan uso deste dereito.

Dos sacrificios que implica para unha avogada optar pola lactancia materna, nin falamos!