986 86 59 90
SC Avogados Idriss

Fonte imaxe: Universo cine.

Non, non é Idris Elba o que acaba de saír do despacho. O meu cliente é outro, evidentemente, pero ao escoitar o seu nome non puiden evitar lembrarme del: de Idris Elba, o “Stringer Bell” de “The Wire”, un dos meus personaxes (xunto con Omar Devon Little) favoritos da serie.

Supoño que a estas alturas, todos os afeccionados ás (boas) series de TV xa terán visto The Wire, así que non creo que faga ningún “spoiler” se conto que Stringer Bell é a man dereita do principal traficante de drogas de Baltimore, que lonxe de conformarse co seu papel trata de medrar profesionalmente, para o cal acude a clases de Economía na Universidade, a fin de converterse nun serio e competente home de negocios. Sempre me chamou a atención esa dicotomía da súa personalidade. Por un lado, como traficante, cumprindo escrupulosamente coas ordes que recibe do seu xefe, de carácter máis impulsivo e primario. Pero por outro, equilibrado, reflexivo, xuizoso, concienciudo, disciplinado…

E ás veces, cando teño diante de min a un cliente de penal, penso se tamén terá esa dobre personalidade. Aínda que xa sei que a resposta é non, xa que a maior parte dos temas penais que eu levo chegan vía quenda de oficio. Iso quere dicir que nunca pertencen a grandes organizacións delitivos, se non que é xente que puntualmente comete un erro na súa vida (coas consecuencias que iso poida ter), ou que actúa obrigado pola súa situación de exclusión social ou adicción ou dependencia de segundo que tipo de sustancias. E que queredes que vos diga? Eu prefiro axudar a este tipo de persoas que economicamente non dispoñen de medios económicos para defender os seus dereitos, que cobrar unhas minutas de moitos ceros e arriscarme a implicarme de máis en segundo que asuntos.

En calquera caso, como é venres, e xa empezou de verdade o outono, se os magostos de San Martiño vos deixan tempo libre, revisar ou chegar a The Wire igual non é unha mala opción.

Xa me contaredes!